FICCIÓN PRODUCCIONES COMEZA O SEU ANO MÁIS INTERNACIONAL COA RODAXE “A ESPÍA”

Durante tres meses Portugal e Galicia serán os escenarios desta ficción histórica onde dúas mulleres guiarannos a través dun labirinto de espionaxe ao servizo do poder e a presión

—-

“A Espía” retrata unha Lisboa “24 hours land”, a terra onde nunca se apagaba a luz, a noite, a festa, o luxo, un refuxio de espías e expatriados

—-

Dirixida polo cineasta portugués Jorge Paixâo da Costa e interpretada por un excepcional elenco artístico portugués e galego

 

Santiago, 22.05.2019.-       A produtora galega Ficción Producciones inicia o seu ano máis internacional de coprodución audiovisual coa rodaxe en Portugal da serie “A Espía”. Desde esta semana e ao longo de tres meses Ficción Producciones, xunto á produtora Ukbar Films, rodarán en escenarios de Portugal e Galicia a serie “A Espía”, una ficción histórica que se desenvolve durante a 2ª Guerra Mundial onde as protagonistas son dúas mulleres de clases e contornas diferentes pero unidas por unha causa e amizade inquebrantable.

 

Naquela época e a diferenza do resto de Europa, a vida en Lisboa fervía por tódalas partes, unha etapa marcada polas festas suntuosas, hoteis e restaurantes de luxo, casinos cheos, refuxiados ricos paseando por unha cidade á espera de embarcarse no Novo Mundo. Esta esfera de sedución, de celebración da vida estivo marcada pola presenza de personalidades lendarias como  Josephine Baker, Ian  Flemming ou  Graham Green, entre outras ‘estrelas’ da espionaxe internacional como  Tereshcenko ou  Popov, que intercambiaron todo tipo de informacións, algunhas delas decisivas para o transcurso e resultado da Guerra.

 

Durante a 2ª Guerra Mundial, Portugal era visto como un país neutral, un territorio onde a diplomacia funcionaba normalmente, onde a información valiosa fluía e existía un control do tráfico naval Atlántico Norte e tamén do mineral  máis valioso desexado polos británicos e os alemáns. Un escenario perfecto para desenvolver un completo xogo de xadrez entre poderes, convertendo a Portugal no feudo ideal para que varias redes de espionaxe operasen nese país. “A Espía” acompaña a unha desas redes, a rede  Shell, que prevía un plan de destrución de infraestruturas e de contraespionaxe. Dúas mulleres, María  Joâo e Rose, guiarannos a través deste labirinto de espionaxe ao servizo do poder e a presión.

 

“A Espía” está dirixida polo cineasta Jorge  Paixâo da Costa, un nome inevitable do audiovisual portugués e conta cun reparto de luxo entre as que figuran Daniela  Ruah ( NCIS: Los Ángeles), Maria João Bastos (Tres Mujeres). A estas dúas actrices únense tamén os actores galegos Miro Magariños, María Costas, Toni Salgado e Manuel Sanmartín.

 

Proxección Internacional

“A Espía” concibiuse cunha perspectiva internacional, que a priori vén avalada pola selección e presentación da serie no Foro Creativo MipTV, celebrado na última edición do prestixioso mercado audiovisual de Cannes.

 

                Ademais esta produción coincide co 80 aniversario da 2ª Guerra Mundial, unha contenda que cambiou Europa. Máis aló de ficcións que narran dramas de guerras, historias de perdedores, de fame, de tristeza…“A Espía” contaranos outra vivencia que existía en Portugal. “24  hours  land”, a terra onde nunca se apagaba a luz, a noite, a festa, refuxio de expatriados, de espionaxe, de intrigas.